O SSD T3 de Samsung consegue velocidades de até 450 MB/seg. por USB 3.1

xoves, 14 de abril do 2016 Marcus Fernández

Para os usuarios que precisan unidades de almacenamento externas de alta velocidade e alta portabilidade dende Samsung teñen a nova unidade SSD T3, que vén de pórse á venda en España en capacidades de 250 GB, 500 GB, 1 TB e 2 TB e prezos de 139, 249, 549 e 799 euros respectivamente, o que poden parecer uns prezos algo elevados (aínda que cómpre lembrar que estamos ante prezos oficiais sendo relativamente doado atopar estas unidades a prezos máis asumibles) pero cómpre lembrar que non estamos ante discos externos tradicionais, senón unidades de estado sólido, máis resistentes ao transporte e moito máis rápidas tanto en lectura como en escritura.
As unidades Samsung SSD T3 teñen velocidades de lectura e escritura que chegan até os 450 Mbytes/seg., o que chegaría a multiplicar por 4 a velocidade dun disco duro externo; o seu peso é de só 51 gramos, o tamaño é de só 74 x 58 x 10,5 milímetros (semellante a unha tarxeta de visita, agás polo seu grosor), fai uso de cifrado AES-256 por hardware (para que podamos transportar os nosos datos con seguridade) e, para conseguir as súas grandes velocidades, soporte conectividade USB 3.1 (ou sexa, que conta cun porto USB-C, incluíndo tamén un cable para poder empregar esta unidade con equipos con conectores USB de tipo A).

Vídeo promocional do Samsung SSD T3

PUBLICIDADE