O SERGAS contará co apoio de Red.es para consolidar o uso das TIC na sanidade
xoves, 12 de setembro do 2013
O
Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura do convenio de colaboración
entre a entidade pública empresarial Red.es e a Consellería de Sanidade -
Servizo Galego de Saúde para o desenvolvemento de servizos públicos
electrónicos no sistema sanitario público de Galicia cun plan de traballo entre
2013-2015. Este convenio enmárcase
dentro da Axenda Dixital para España aprobada no Consello de Ministros o pasado
mes de febreiro como novo plan estratéxico nacional no ámbito das TIC.
O
investimento do convenio marco que recolle esta actuación ascende a un importe máximo
de 15 millóns de euros, 12 deles con cargo aos fondos europeos FEDER do período
de programación 2007-2013, mentres que os outros tres millóns de euros son aportados
pola Consellería de Sanidade.
As
principais liñas de actuación deste convenio son a dotación de infraestrutura tecnolóxica,
que abrangue tanto a subministración e instalación de infraestrutura TIC coma
os servizos asociados. Está previsto incluír dentro dela as necesidades tecnolóxicas
do novo hospital de Vigo, así como a consolidación da historia clínica electrónica
e a receita electrónica. Outra das grandes actuacións do convenio está enmarcada
no eido de atención a enfermos crónicos, a través do desenvolvemento de produtos
TIC especificamente orientados a mellorar a atención que o Sergas presta a estas
familias.
Ademais, o
convenio recolle actuacións de difusión, actuacións para a xestión e seguimento
das iniciativas realizadas, e actuacións para o fomento do uso do DNIe como
mecanismo de identificación no SERGAS.