O Rexistro Civil modernízase dicindo adeus ao libro de familia

xoves, 29 de abril do 2021 Redacción

Hoxe foi aprobado, no Pleno do Senado, a Proposición de Lei pola que se modifica a Lei 20/2011, do 21 de xullo, do Rexistro Civil. Esta nova lei é un paso máis na modernización do servizo público de Xustiza e converte o Rexistro Civil nun rexistro individual onde se inscribirán todos os feitos e actos que afecten a unha persoa ao longo da súa vida. O Rexistro Civil Único contará cunha base de datos común, cunha aplicación informática única e todas as oficinas estarán conectadas electronicamente.
O novo modelo ten unha estrutura que contempla: 1 Rexistro Civil Central, 16 Rexistros Civís Exclusivos, 415 Rexistros Civís Municipais Principais, 7.700 Rexistros Civís Municipais Delegados en Xulgados de Paz e 180 Oficinas do Rexistro Civil en demarcacións consulares. Os letrados da Administración de Xustiza serán os responsables de xestionar o Rexistro Civil Único.
Un dos detalles que evidenciará esta transformación será o feito de que a partir do 30 de abril deixarán de expedirse os libros de familia como documentos físicos, seguindo a ser válidos os documentos actuais, pero carecendo de sentido agora que se empregará un rexistro electrónico. A fins prácticos, os cidadáns poderán descargar un documento PDF cos datos rexistrados no rexistro, de xeito que actuaría como o libro de familia para trámites como a solicitude de prazas en garderías.
O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, fixo fincapé en que a norma responde á necesidade de que «o Rexistro Civil se adapte á nova contorna tecnolóxica e á transición dixital que estamos a vivir. Respondendo ás actuais necesidades e demandas dos cidadáns. E iso é, precisamente, o que permiten as modificacións ás que hoxe esta Cámara dá luz verde».

PUBLICIDADE