O Redmi Pro terá pantalla OLED e dobre cámara traseira

mércores, 27 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A liña de smartphones máis económicos de Xiaomi vén de elevar o seu teito co novo Redmi Pro, un terminal que sairá á venda o vindeiro 6 de agosto a un prezo de 1.499 iuans para a súa configuración con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento, a 1.699 iuans para o seu modelo con 3 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e a 1.999 iuans para o seu modelo superior con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, chegando con este último a un nivel de prestacións que practicamente o situarían na familia Mi, pero mantendo un prezo moi axustado (ao cambio custaría 272 euros).
O Redmi é un smartphone con carcasa metálica en cor gris, prata ou ouro, pantalla Full HD OLED de 5,5 polgadas, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, 4G, Wi-Fi N, batería de 4.050 mAh que pode cargarse a través de USB-C, un grosor de 8,15 milímetros e un peso de 174 gramos, que está dispoñible nos 3 modelos antes mencionados, de xeito que a versión máis económica contará cun procesador Helio X20 de MediaTek a 2,1 GHz, mentres que o modelo intermedio xa optaría por un Helio X25 a 2,3 GHz e a versión superior presumiría dun Helio X25 a 2,5 GHz.
Aínda que unha das grandes novidades do Redmi Pro sexa deixar a tecnoloxía IPS da súa pantalla en favor da OLED, outro detalle realmente rechamante é que na súa parte traseira conviven dúas cámaras, unha cun sensor Sony de 13 Mpíxeles e outra cun sensor de 5 Mpíxeles, que fusionan a información de ambas para conseguir imaxes cunha maior profundidade. Estas cámaras tamén veñen acompañadas cun flash de dobre ton para conseguir imaxes máis naturais con pouca luz. Durante os últimos meses rumoreouse que o futuro iPhone 7 contará cunha dobre cámara traseira, polo que resulta bastante curioso que terminais de gama media con prezos que parten dos 204 euros incorporen unha tecnoloxía que parecía exclusiva da alta gama.

O Redmi Pro, pese a ser un terminal de gama media cun prezo (ao cambio) entre os 204 e os 272 euros incorpora unha dobre cámara traseira
O novo móbil poderá adquirirse en tres cores distintas

PUBLICIDADE