O Redmi 3 de Xiaomi chega como un potente smartphone de metal e prezo axustado

luns, 11 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Os smartphones chineses continúan a procurar conquistar unha maior cota de mercado, e para comezar 2016 con forza Xiaomi presentou nas últimas horas o Redmi 3, que vén a ser unha versión de tamaño contido do cada vez máis popular Redmi Note 3, pero optando por un procesador de Qualcomm.
O Redmi 3 venderase a só 699 iuans (97 euros), o que é unha auténtica ganga para un terminal con pantalla de alta definición (1.280 x 720 píxeles) de 5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 616, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles e unha impresionante batería de 4.100 mAh, que debería achegar unha autonomía inédita en terminais desta compañía (xa que, ao ter unha pantalla máis pequena que o Redmi Note 3, a batería debería render máis).
Este novo smartphone ten un corpo metálico moi rechamante, adornado cun patrón de rombos que o farán doado de recoñecer a o que será un dos smartphones de referencia dos vindeiros meses para todo aquel que fuxa dos terminais de 5,5 polgadas.
O Redmi 3 ten un espazo para unha tarxeta micro SIM e outro para unha nano SIM, que pode empregarse para ampliar o almacenamento interno do terminal mediante unha tarxeta microSD. Tamén conta con Bluetooth 4.1, Wi-Fi N, infravermellos (para facer de mando a distancia universal), un grosor de 8,5 milímetros e un peso de 144 gramos. A súa carcasa metálica estará dispoñible en cor prata, gris escuro ou dourado.

JPEG - 26.1 KB
O Redmi 3 destaca polo seu acabado metálico

PUBLICIDADE