O Q54 Pilot de Fossil será un monitor de actividade con forma de reloxo de pulso

luns, 11 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Fossil está a ampliar a súa liña Q de dispositivos conectados, e indo na liña do smartwatch/cronógrafo Q Grant, presentou no CES de Las Vegas un reloxo analóxico centrado na monitorización da actividade física e a recepción de notificacións básicas, pero cunha estética un tanto diferente do cronógrafo actual. Teremos así durante o comezo da primavera o Q54 Pilot, que externamente resulta indistinguible dun reloxo analóxico tradicional, pero que pode conectarse co noso smartphone con Android ou iOS, limitando a súa interacción a patróns de vibración que serven así para distinguir as distintas notificacións que se reciben no móbil.
Espérase que este novo reloxo de pulso chegue ao mercado a un prezo que se situaría entre os 175 e os 215 dólares, en función da correa incluída, o que pode ser unha boa opción para os que queren introducirse no mundo dos smartwatches, pero sen optar por dispositivos tan avanzados como o Q Founder (reloxo con Android Wear de Fossil).

PUBLICIDADE