O Proxecto Escornabots ábrese a novas participacións

xoves, 20 de abril do 2017 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para que os centros integrados neste curso escolar no Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) soliciten incorporarse ao proxecto Escornabots na biblioteca escolar, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e da linguaxe de programación. En total poderanse sumar á iniciativa 20 centros e os outros 20 centros que xa participan nela poderán solicitar a súa continuidade. O prazo para a tramitación estará aberto ata o vindeiro 27 de abril, e poderá realizarse a través do formulario dispoñible en liña.
A iniciativa enmárcase no Plan Lía 2016/20, que ten entre os seus desafíos avanzar nas alfabetizacións múltiples no marco da biblioteca escolar, así como reforzar o concepto daquelas como laboratorios creativos de aprendizaxes abertos a toda a comunidade educativa. Non en balde, a construción destes pequenos robots de hardware libre fomenta entre o alumnado o xogo, a creatividade, a investigación, a aprendizaxe manipulativa e mais o razoamento lóxico.
Así mesmo, o proxecto conecta coa estratexia que a Xunta de Galicia está a desenvolver para promover as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Neste sentido cómpre lembrar que nos centros de infantil e primaria se desenvolven os programas en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, os programas Navega con Rumbo e Programación nas Escolas, co fin de axudar a mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como a desenvolverse dun xeito máis seguro no ámbito tecnolóxico. Xa no ensino secundario, impártense materias de libre configuración autonómica: Programación (para ESO) e Robótica (para bacharelato), nas que este curso 2016/17 hai un total de 4200 e 570 matriculados respectivamente.
Os centros que confirmen a súa continuidade no programa obterán acceso aos medios necesarios para a dotación dun recuncho creativo e outras ferramentas necesarias para seguir avanzando no proxecto. Ademais, unha persoa representante da biblioteca poderá participar nunha xornada de formación presencial sobre aspectos relacionados coa biblioteca como laboratorio creativo de aprendizaxe e a cultura do facer na mesma.
No caso dos centros de nova incorporación, terán acceso aos materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots, en cada caso, así como a outros materiais necesarios para a posta en marcha da iniciativa. Así mesmo, un representante do equipo da biblioteca participará nunha xornada de formación semipresencial ao respecto.

PUBLICIDADE