O Project Tango de Google busca que os móbiles interpreten o espazo e o movemento

xoves, 20 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Entre os proxectos nos que están a traballar nos laboratorios de Google non só temos as populares Google Glass ou o coche autónomo, senón que agora tamén dan a coñecer o prometedor Project Tango, que pretende contribuír ao desenvolvento de sensores 3D integrados en smartphones con Android, facilitando o modelado do contorno que estea ao redor do usuario, o que xunto co seguimento do seu movemento pode abrir todo un mundo de posibilidades que poderían chegar a permitir a mapeado do interior de edificios.
Polo momento teñen un prototipo de smartphone cunha pantalla de 5 polgadas, unha cámara de 4 Mpíxeles, un sensor de profundidade, unha cámara para o control de movemento e un par de procesadores especializados no recoñecemento de imaxe, co que conseguen que poidamos chegar a desenvolver aplicacións de realidade virtual (ou outras solucións) nas que o dispositivo interpreta o espazo tridimensional, chegando máis aló ao que estamos afeitos a ver en dispositivos móbiles (e o que supón todo un reto, xa que supón a translación de cálculos moi complexos a un trebello de uso persoal, que pode non só mudar o lecer, senón tamén mudar a vida, por exemplo, a persoas con discapacidades visuais).
Actualmente só contan con 200 prototipos de kits de desenvolvementos deste proxecto, que esperan ter distribuído na súa totalidade antes do 14 de marzo, data a partir da que é de agardar que comecemos a ver numerosas solucións que exploren as posibilidades da navegación e o mapeado de interiores ou incluso o desenvolvemento de xogos de realidade aumentada que se adapten á perfección ao contorno.
O uso de sensores 3D non é unha novidade, pois Microsoft xa achegou esta tecnoloxía aos fogares con Kinect, e Nokia tamén fai uso desta tecnoloxía para a creación dos mapas inmersivos de HERE (o que supón unha mellora sobre o que ofrece actualmente o Street View de Google), pero o seu traslado a dispositivos móbiles pode incrementar considerablemente o uso desta tecnoloxía para moitos outros ámbitos.


Vídeo de presentación do Project Tango

PUBLICIDADE