O Popcorn Hour A-100 facilita a visualización de contidos en alta definición

luns, 25 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

O Popcorn Hour Networked Media Tank A-100 é un dispositivo todo en un que permite servir coma reprodutor multimedia, almacenamento en rede, servidor de ficheiros multimedia e cliente da rede BitTorrent.
O impresionante trebello decodifica vídeo grazas a un procesador Sigma SMP8635, permite agregar automaticamente os contidos multimedia dispoñibles en calquera servidor PnP AV da nosa rede local, amosará contidos no televisor en numerosos formatos, permite acceder ós contidos no seu disco duro mediante Windows ou FTP e tamén soporta streaming DLNA que permite achegar os seus contidos a distintos reprodutores multimedia sen precisar dun ordenador coma intermediario.
O A-100 tamén abre a porta a distintos servizos de Internet, permitindo ver televisión a través da Rede, álbums fotográficos compartiros pola Internet, radios en liña, etc.
A súa potencia permite acceder tamén a contidos en alta definición, soportando codecs de vídeo coma WMV9, DivX HD, MPEG2 ou H.264 incluídos en contedores con distintas extensións (AVI, MP4, MOV, MKV…).
As saídas do Popcorn Hour A-100 son bastante completas, incluíndo portos HDMI, por compoñentes (ata 1.080p), S-Video, vídeo composto, así como estéreo analóxico e S/PDIF coaxial dixital. Comunícase por rede local a través dun porto Fast Ethernet ou a través de Wi-Fi (meidante unha opción de ampliación).
Este produto de Syabas resulta tan atractivo que xa ten lista de espera para a súa adquisición nos EE.UU., mentres que en España se vende a 229 euros na súa versión básica e a 339 euros incluíndo un disco duro de 500 Gb.

PUBLICIDADE