O Pont-Up Store regresa en setembro cun proceso extraordinario de presentación de candidaturas

luns, 21 de xuño do 2021 S. P.

Volve a Pont-Up Store, contra a vento e marea, para facer de Pontevedra, novamente, a capital do emprendemento emprendedor. A nova edición celebrarase en setembro, os días 24 e 25, logo que se tivese que adiar nas datas previamente fixadas por mor da pandemia de COVID.
Para contrarrestar o problema do cambio de datas (e a imposibilidade de acudir á feira, en setembro, de 8 dos 36 emprendementos que tiñan previsto participar), o comité organizador decidiu abrir unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida a “persoas emprendedoras valentes que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia (entre 2019 e 2021) para cubrir esas 8 prazas”.
Este novo proceso de recepción de candidaturas estará aberto entre o 28 de xuño e o 4 de xullo e tamén estará aberto a todos aqueles proxectos que xa participaron en pasadas edicións do evento e que presenten “unha innovación destacábel que lles permitira afrontar con éxito a situación xerada pola COVID-19”.
Pedro Figueroa, principal impulsor da feira e director da mesma, afirma que “agardamos que o avance da vacina nos permita presentar o programa en setembro e instalar os habituais expositores. En todo caso, xa podemos adiantar que se van celebrar aquelas actividades que non foi posíbel realizar o ano pasado en formato en liña, entre as que se inclúen as de economía social, economía circular, rastrexos, gaming, internacionalización…”.
Nova plataforma dixital
O director da feira engadiu que entre as principais novidades que trae consigo este ano o evento empresarial Pont-Up Store (organizado polo grupo de investigación G4 Plus co patrocinio da Concellería de Promoción Económica, a Vicerreitoría da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra) figura un “novo proxecto denominado dixital_pontup, ao que o Concello de Pontevedra destinou unha achega de 6.000 euros”.
Segundo subliña Figueroa, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos esixen repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”, o que levou a poñer en marcha “un espazo virtual interactivo, co deseño dun aplicativo que permitirá a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento”. Así, a plataforma dixital_pontup, en fase de desenvolvemento, fará posíbel “que estas accións innovadoras e emprendedoras poidan ser visitadas non só desde calquera lugar, senón tamén en calquera momento, outorgando ademais unha maior proxección ás mesmas e un maior valor engadido aos seus patrocinadores”, apunta Figueroa.
Pedro Figueroa tamén quixo constatar que a nova plataforma permitirá, entre outras cuestións, “contar cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, xuntanzas, intercambios de experiencias ou actividades sectoriais adicadas ao novo emprendemento; a integración no aplicativo dunha zona de exposicións destinada a navegar por stands virtuais e interactivos que conterán os proxectos de emprendemento seleccionados na edición (no que se poderá visualizar unha recreación dixital en 3D da súa tenda, contactar en tempo real por medio de videochamadas ou efectuar compras); incrementar a visibilidade e difusión dos proxectos e os patrocinadores en cada evento ou actividade; aumentar o impacto do evento ou actividade explorando novas vías de difusión dixital, e integrar no aplicativo unha zona virtual para presentar os relatorios, mesas redondas e outras actividades grupais que acontezan no evento ou ben aquelas que se poderían celebrar durante todo o ano e dedicadas a sectores concretos (alimentación, tecnoloxía, cultura, lecer…)”.

PUBLICIDADE