O Polo Aeroespacial contará cun parque industrial que dará acubillo a unha quincena de hangares

mércores, 16 de setembro do 2020 S. P.

O Polo Aeroespacial de Galicia, emprazado nas Rozas (Lugo), vai seguir dando pasos para converterse definitivamente nun referente estatal e europeo na creación de tecnoloxías ligadas aos vehículos aéreos non tripulados. Así o fixo saber este mércores o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen visitou o complexo das Rozas para verificar as obras da primeira fase da construción do parque tecnolóxico e industrial, que alcanzará unha superficie de 31.000m² e terá capacidade para acubillar unha quincena de hangares.
Acompañado por representantes do Instituto de Técnica Aeroespacial (INTA), o vicepresidente económico puido comprobar a marcha desta primeira fase, na cal se está a traballar sobre unha área inicial de 3.000m² onde a multinacional Babcock, con presenza no complexo galego, xa está a piques de rematar a construción do seu hangar e Indra fará outro.
Conde salientou que estamos ante unha infraestrutura con “moito futuro por diante porque o obxectivo é que este parque industrial conte cunhas instalacións “únicas e pioneiras en España” que sirvan “como base de operacións ás empresas dun sector con gran potencial de crecemento como é o aeroespacial. Segundo dixo, contar con máis e mellores infraestruturas fai do Polo Aeroespacial un reclamo para atraer novos investimentos e fortalecer, así, o tecido empresarial deste sector en Galicia.
O vicepresidente económico salientou que o devandito é “xustamente un dos retos para o vindeiro período 2021-2025” no que se prevé un investimento público-privado de 160 millóns de euros para reforzar as infraestruturas existentes, consolidar a industrialización de equipos e sistemas, e avanzar na busca de solucións tanto para o sector público como privado. Unha nova andaina que “vai permitir que Galicia poida seguir na vangarda do sector dos avións non tripulados no eido do coñecemento, da investigación e, sobre todo, coas achegas da industria e coa presenza de multinacionais como Indra, Boeing, Babcock e a través da colaboración do Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta)”.
Con ese fin, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), lanzou o pasado mes de xuño unha consulta ao mercado para identificar novas tecnoloxías e tendencias no sector e deseñar o Polo Aeroespacial do 2025. Ao respecto, Conde apuntou que se recibiron 153 manifestacións de interese (presentadas por 67 entidades diferentes) das que, máis da metade proceden doutras comunidades autónomas e de empresas de países como Israel, EEUU, Portugal, Suíza, Italia ou Holanda.

PUBLICIDADE