O Poco M3 estrearase cun prezo moi axustado e unha batería moi xenerosa

martes, 24 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Durante bastante tempo Xiaomi era reticente de explotar comercialmente a súa marca Pocophone, que co Poco F1 marcara todo un fito, pero finalmente esa serie de móbiles cunha boa relación entre especificacións e prezo está a medrar e adaptarse a múltiples perfís de usuario, sendo bastante rechamante o seu novo integrante, o Poco M3, que estréase o vindeiro venres cunha oferta de lanzamento coa que o seu modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento ten un prezo de 129 euros, mentres que o modelo con 4 GB de RAM e 128 GB de capacidade venderase a 149 euros, o que supón un aforro de 30 euros sobre os seus prezos oficiais.
O Poco M3 é todo un exemplo de móbil que cun prezo axustado pode ofrecer moito, xa que temos un smartphone equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 662, pantalla Full HD+ de 6,53 polgadas cunha pequena pestana superior central na que se agocha unha cámara frontal de 8 Mpíxeles, cámara traseira tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles (capaz de gravar vídeo Full HD e con funcións de time-lapse e cámara lenta a 120 imaxes por segundo), altofalantes duais, toma para auriculares, lector lateral de impresións dixitais, bandexa para 2 tarxetas SIM e unha tarxeta de memoria de até 512 GB e, como prestación máis destacada, unha batería de 6.000 mAh (que podería facilitar até 17 horas de reprodución de vídeo) con carga rápida de 18 watts. Amais, dende Xiaomi aseguran que a batería soporta un milleiro de ciclos de carga, ou sexa, que non experimentaría unha degradación significativa en dous anos e medio.
Este teléfono de 198 gramos de peso e un grosor de 9,6 milímetros tamén conta con radio FM e emisor de infravermellos, o que, xunto ao conector de auriculares, convérteo un produto dos que case non hai, pese a que este tipo de funcionalidades teñan demanda por parte dos consumidores.

O Poco M3 ten como principal virtude unha batería de 6.000 mAh con carga rápida de 18 watts

PUBLICIDADE