O Plan de Banda Larga achega acceso á Rede de até 600 Mbps a empresas e autónomos da comarca de Compostela

xoves, 1 de agosto do 2019 Marcus Fernández

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, a empresa Estación de Servizo J.R Vilariño, unha das empresas beneficiadas polas axudas da última convocatoria para dotar de banda larga ultrarrápida ás empresas illadas, da que se beneficiaron un total de 25 empresas da provincia da Coruña de 17 concellos distintos.
Este plan subvenciona entre o 70% e 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, até un máximo de 20.000 euros por proxecto. O custo mínimo do proxecto será de 2.000 euros. Cun importe total de máis de 360.000 euros na provincia a Axencia autonómica apoia economicamente para que as empresas teñan acceso a redes de entre 30 e 600 Mbps.
Ovidio Rodeiro destacou que concretamente na comarca de Santiago beneficiáronse destas achegas 9 empresas dos concellos de Melide, Arzúa, O Pino, Val do Dudra, Frades e Toques. Estas axudas, que ascenden nesta área a 135.000 euros, están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Máis de 130 polígonos con máis de 100 Mbps

A primeira medida deste Plan foi a mellora da conectividade nos polígonos industriais. En colaboración co operador R facilitouse a cobertura de redes de 350 Mbps a 81 que albergan a máis de 1.750 empresas en Galicia. Para conseguilo instaláronse un total de 55 centrais de cabeceira de fibra óptica que permiten, non só atender aos polígonos, senón tamén estender estes servizos de banda larga ultrarrápida ás poboacións próximas a estas centrais.
Estes 81 polígonos cubertos, sumados aos que xa dispoñían de cobertura ou foron cubertos polos operadores, fan un total de 131 polígonos con acceso a redes de máis de 100 Mbps, que concentran o 93% da superficie empresarial ocupada.
Estas actuacións contribúen a eliminar a barreira existente á hora de contratar servizos axeitados de alta velocidade por parte das empresas e autónomos situados en zonas illadas que non dispoñen desta cobertura. Nos últimos catro anos incrementáronse en máis dun 72% as contratacións de servizos de máis de 30Mbps entre as PEME e as grandes empresas galegas
A mellora da conectividade do tecido empresarial é unha das liñas de actuación do Plan de Banda Larga 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). En catro anos as medidas do Plan posibilitaron o acceso a redes de até 600 Mbps a máis de 1.750 empresas de 81 polígonos industriais e outras máis de 80 situadas fora destas áreas.
O Plan de Banda larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta e asume os obxectivos de Europa, complementando as actuacións do Estado. A Axenda Dixital para Europa establece o deber de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación.

PUBLICIDADE