O Plan de Acción 2017 abrangue 40 programas TIC dotados con 83 millóns de euros

luns, 27 de marzo do 2017 Redacción

Esta fin de semana a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) achegounos máis detalles sobre o seu Plan de Acción 2017, co gallo da súa aprobación. O Plan, como punta de lanza, abrangue 40 programas estratéxicos de actividade dotados con 83 millóns de euros. Os obxectivos fundamentais destes programas son: consolidar unha administración intelixente e eficiente, dixitalizar os sectores económicos chave de Galicia, impulsar o sector TIC e estender redes ultrarrápidas na Comunidade.
O Plan foi aprobado no consello reitor da Axencia, presidido polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Na xuntanza do máximo órgano da AMTEGA, a súa directora, Mar Pereira, debullou as iniciativas previstas para 2017, salientando que “este será o ano no que se avanzarán nos desafíos formulados na Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica da Comunidade para o horizonte 2020”.
Segundo fixo saber, este ano avanzarase nas medias contempladas no Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 “co deseño e posta en marcha dunha nova sede electrónica máis orientada ao cidadán, simplificada no seu uso e con servizos máis personalizados”, ao que cómpre engadir unha “ampliación das súas funcionalidades”. Neste último senso, sinalou, habilitaranse recursos como a remisión electrónica de documentación. O obxectivo é que as presentacións na sede electrónica vaian alén das 100.000.
AMTEGA tamén informou que, ao abeiro do Plan de Acción 2017, dixitalizaranse 173 oficinas de rexistro, “o que permitirá a conversión do documento en papel que entregan os cidadáns, en documento electrónico, e a súa xestión integramente electrónica”.
Ademais, medrarán até a cifra de 45 o número de certificados dispoñíbeis na plataforma de intermediación de datos e documentos PasaXe!, na que, segundo informou AMTEGA, en 2016 realizáronse máis de 2,6 millóns de consultas, prevendo acadar este ano os 3 millóns.
No eido xudicial integraranse novas funcionalidades do visor do Expediente Xudicial Electrónico, que como lembraremos xa está accesíbel e operativo para todos os órganos xudiciais, como avisos e alarmas. Asemade, engadiu a axencia, “estenderase o uso da sinatura dixital no funcionamento do órgano xudicial” e, por outra banda, “incorporaranse novos colectivos, como forzas e corpos de seguridade, sanidade pública e privada, ao emprego de LEXNET nas súas comunicacións cos órganos xudiciais”. Polo que respecta á rede de videconferencias, a intención é ampliala con novos equipos, renovando preto de 1.000 postos de traballo tanto equipos de sobremesa como equipos en mobilidade.
No eido turístico, AMTEGA sinalou que impulsará o portal Turespazo para a relación co sector turístico e fará avanzar, tamén, a coordinación con outras administracións de fóra de Galicia “para a ampliación da información relativa aos trazados do Camiño de Santiago fóra da Comunidade autónoma”, informou.
Polo que atinxe ao eido cultural, poranse en marcha novas liñas de actuación vinculadas á Memoria Dixital de Galicia, coa integración de novos fondos en Galiciana e a evolución dos sistemas de catalogación de recursos de arquivos, bibliotecas e museos.
No plano educativo, en palabras de AMTEGA, “estenderase as aulas dixitais a todos os centros educativos de Primaria, ESO e Bacharelato no marco do proxecto Abalar e dotarase de redes de máis de 100Mbps a a 800 centros educativos públicos”. Tamén se fará fincapé nas accións de formación e inclusión dixital para a cidadanía, “ampliando en máis dun 100% a oferta formativa inicialmente prevista na Rede CeMIT ata acadar as 250.000 horas de formación e os 65.000 usuarios”.
Polo que atinxe aos servizos de Benestar, impulsarase, en colaboración coa FEGAMP, o uso da Historia Social Única Electrónica. Segundo lembrou AMTEGA, a esta Historia Social xa se adheriron 70 concellos, aos municipios restantes mellorando funcionalidades e procedementos e avanzarase no modelo de Fogar Dixital.
No sector primario, a folla de ruta é traballar arreo nas dúas liñas do Programa Primare. No sector agrario, a través do desenvolvemento dunha plataforma de servizos servizos de valor engadido tanto para os agricultores como para a administración a través do uso de medios tecnolóxicos innovadores (drons, sensores, sistemas de intelixencia de negocio, ...) en ámbitos como os controis sobre o terreo, ou a evolución dos cultivos nas parcelas, ...; e no sector da pesca, cunha modernización dos procesos de xestión e comercialización nas lonxas de Galicia.
Outro dos retos para 2017 é ampliar a largo de banda da rede corporativa da Xunta e, tamén, a dispoñíbel en xeral para toda a cidadanía galega. “En 2017”, informou a axencia que dirixe Mar Pereira, “avanzarase na dotación de redes de ata 350 Mbps nos 81 polígonos industriais previstos no Plan de Banda Larga 2020, unha actuación que se completa cunha convocatoria de axudas para empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural xa publicada”.
No que se refire ao pulo ao sector TIC, o roteiro é avanzar no afianzamento do hipersector TIC. Para isto, impulsaranse e desenvolveranse recursos como o Programa Transforma TIC para desenvolver actuacións, en colaboración co sector empresarial, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación, colexios profesionais e o propio sector TIC. Tamén se abrirán novas convocatorias do Programa ReAcciona TIC, activado no 2016 en colaboración co IGAPE, para fornecer ás PEME servizos de empresa dixital e industria 4.0. Por outra banda, prolongaranse e estenderanse iniciativas para “contribuír á aceleración da innovación dixital en colaboración con axentes do sector TIC”, como o centro de emprendemento Galicia Open Future, posto en marcha en colaboración con Telefónica, ou o Connecting for Good Galicia, impulsado xunto con Vodafone.
No ámbito das infraestruturas de telecomunicacións, traballarase por “consolidar o uso” da Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade de Galicia, que integra nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan nas emerxencias, mellorando a súa coordinación e garantindo as comunicacións en situacións extremas ou de saturación. A este respecto, cómpre lembrar que en 2016 fortalecéronse e optimizáronse as infraestruturas de RESGAL, que ampliou o seu radio de acción en máis de 145.000 hectáreas, o que lle permite, segundo lembrou AMTEGA, abranguer 90% do territorio e o 96,5% da poboación.

PUBLICIDADE