O Pixel 6a chega a España con auriculares de agasallo

xoves, 21 de xullo do 2022 Marcus Fernández

En maio Google anunciou o seu novo smartphone de referencia na súa liña económica, o Pixel 6a, pero cunha data de lanzamento bastante desesperante, xa que mencionaban que non se podería adquirir até o verán, e por fin temos aberta a reserva en España, tanto na tenda oficial de Google, como en establecementos como Amazon, a un prezo de 459 euros, pero cun agasallo moi atractivo: uns auriculares Pixel Buds A-Series. Cómpre advertir de que, mentres que en Amazon os auriculares engádense ao pedido de xeito automático, na tenda de Google hai que introducir manualmente os auriculares na cesta da compra para beneficiarse da promoción. O produto chegará ao mercado o vindeiro día 28.
Lembremos que o Pixel 6a é un smartphone de Google cunha pantalla OLED Full HD+ de 6,1 polgadas cunha velocidade de refresco de 60 Hz, procesador Google Tensor, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, cámara frontal de 8 Mpíxeles, cámara traseira dual cun sensor principal de 12,2 Mpíxeles, lector de impresións dixitais en pantalla e unha batería de 4.410 mAh con carga sen fíos rápida.
Temos así un smartphone orientado aos incondicionais dos móbiles de Google, que moitos valoran polas súas boas fotografías pese a contar con cámaras modestas, e que neste caso podería considerase que o Pixel 6a é un móbil que apreciarán especialmente os que gusten de dispositivos de tamaño contido, aínda que o tamaño reducido ten un impacto directo na capacidade da batería (o que pode ser un problema para moitos usuarios afeitos a baterías de grande capacidade).

PUBLICIDADE