O PP de Galicia denuncia o retraso na implantación da TDT no medio rural galego

luns, 11 de agosto do 2008 Raquel Noya

O deputado popular, César Pérez Ares, salientou esta mañá que a implantación da televisión dixital terrestre “está moi retrasada nos concellos rurais galegos” xa que, segundo datos obtivos directamente do Ministerio de Industria, “a TDT non chegaría a cubrir Galicia ata o ano 2016”, moi lonxe da data do 3 de abril do 2010 prevista para o apagón analóxico.
Pérez Ares fixo público o seu descontento cos datos facilitados pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións, segundo os cales, o chamado apagón analóxico non se podería producir na nosa Comunidade nas datas previstas, pois “boa parte dos concellos galegos quedarían sen recibir o sinal de televisión”.
A este respecto, o PP de Galicia solicitou un “esforzo na implantación da rede dixital se se queren cumprir os prazos”.
O partido vén de denunciar, asemade, que o apagón da Fonsagrada (realizado no pasado mes de abril) “foi somentes mediático” xa que parte do concello e das localidades limítrofes “seguen a ver a televisión polo sistema tradicional” e tamén que, dos 2.000 sintonizadores prometidos pola Xunta, “tan só foron repartidos uns 900”.

PUBLICIDADE