O Osmo Mobile 3 de DJI pode encartarse para facilitar o seu transporte

martes, 13 de agosto do 2019 Marcus Fernández

DJI vén de renovar o seu estabilizador para móbiles, e ao igual que o Osmo Mobile 2 melloraba en prezo e prestacións ao seu predecesor, o Osmo Mobile 3 chega cun prezo moi agresivo (109 euros), moitas prestacións melloradas, e un cambio que probablemente sexa o seu mellor argumento de compra: un deseño encartable para facilitar o seu transporte.
O Osmo Mobile 3 integra un estabilizador de 3 eixes para gravar vídeos estables e fluídos reducindo os tremores; pesa 405 gramos e pode pregarse para transportalo comodamente; aposta por unha empuñadura ergonómica para facilitar o seu uso durante longas gravacións; incorpora xestos para realizar autorretratos ou comezar a gravar; inclúe ActiveTrack 3.0, unha tecnoloxía de seguimento de obxectivos que facilita a gravación de escenas que esixan movementos rápidos (e que tamén pode aplicarse a hyperlapses); facilita a creación de panorámicas e timelapses; conta con modo Sport para filmar acción con moito movemento; e a súa aplicación móbil inclúe modelos para facilitar a realización de rápidas montaxes para logo compartilas en redes sociais e plataformas de vídeo. Tamén pode rotar rápido entre a posición horizontal e vertical, adaptándose así ao tipo de plataforma para a que queremos crear vídeo.
Temos así unha revisión do gimbal para móbiles de DJI que sen grandes melloras na estabilización consegue captar a atención por ser máis lixeiro e compacto.

O Osmo Mobile 2 pode mercarse tamén cun trípode e unha funda de transporte por 129 euros

Vídeo de presentación do DJI Osmo Mobile 3

PUBLICIDADE