O Oppo R819 chegará en setembro a un prezo de 269 euros

luns, 19 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses continúan achegando potentes smartphones con Android que con prezos moi competitivos parecen querer rachar o mercado, e aínda que a meirande parte das compañías non chegan a vender os seus produtos globalmente, algunhas como Oppo están a buscar unha boa proxección internacional, e así este fabricante anuncia que a primeiros de setembro vai comercializar o seu novo Oppo R819, que pode reservarse xa a un prezo de 269 euros.
O Oppo R819 é un smartphone con Android 4.2.1 que pese a ter unha pantalla IPS de 4,7 polgadas de alta definición (720p) consegue ser cómodo de levar enriba grazas ao seu peso de só 110 gramos, aínda que tamén resulta impresionante ver como toda a súa tecnoloxía pode integrarse nun corpo cun grosor de só 7,3 milímetros.
Un dos puntos fortes deste móbil son as fotografías, pois incorpora unha cámara traseira Sony Exymor BSI de 8 Mpíxeles (con HDR, detector de sorrisos e panorámicas) capaz de disparar en só 0,6 segundos e de tomar ata 100 fotografías a 5 imaxes por segundo. A súa cámara frontal é de 2 Mpíxeles e conta cun angular bastante amplo, para facilitar a realización de auto-fotos en grupo.
O móbil incorpora funcionalidades como poder acender a pantalla do móbil con só 2 toques, poder dar a volta o móbil para enmudecer unha chamada á que non imos responder, poder responder unha chamada con só mover a man sobre a pantalla e o móbil tamén manterá a pantalla cun bo nivel de brillo e acendida mentres esteamos a mirala.
A batería do Oppo R819 é de 2.000 mAh, soporta 2 tarxetas SIM, integra receptor de radio FM, o seu procesador é de catro núcleos (a 1,2 GHz), funcionará con 1 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno, pode transmitir contidos multimedia sen fíos (Wi-Fi Display/DLNA) e sorprende especialmente por unha capacidade de elección que bastante rechamante: aínda que inicialmente venderase cunha versión limpa de Android, máis adiante será posible optar por encargalo con Color ROM (versión de Android cociñada por Oppo).

PUBLICIDADE