O Oppo Find X2 Lite déixase ver na web portuguesa de Oppo

luns, 20 de abril do 2020 Marcus Fernández

O fabricante chinés Oppo continúa a reforzar a súa presenza europea, e curiosamente o seu último smartphone, o Oppo Find X2 Lite, dáse a coñecer a nivel mundial grazas á súa aparición na páxina web da compañía para Portugal, na que aínda non avanzan o prezo que terá o smartphone, pero si todas as características dun dispositivo moi prometedor.
O Oppo Find X2 Lite aspira a converterse nun dos referentes entre os smartphones de gama media, polo que está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G con 5G, que xunto con seus 8 GB de RAM (LPDDR4X) e 128 GB de almacenamento (UFS2.1) permite un funcionamento moi áxil para aplicacións e xogos, así como un bo aproveitamento da banda larga móbil, estando preparado para as conexións do futuro. A nivel de batería tamén presume dunha capacidade de 4.025 mAh con carga de 30 watts, coa que consegue pasar do 3% ao 50% de carga en só 20 minutos.
Exteriormente podemos ver un elegante móbil con acabados en branco perla ou negro luar, con só 7,96 milímetros de grosor e uns 180 gramos de peso, que presenta unha pantalla OLED de 6,4 polgadas con resolución Full HD+, lector de pegadas en pantalla e unha pequena pestana na súa parte superior central para acoller unha cámara frontal de 32 Mpíxeles. Na súa parte traseira conta cunha cámara cuádrupla cun sensor principal de 48 Mpíxeles con apertura f/1.7 acompañado por un grande angular/macro de 8 Mpíxeles e un par de obxectivos de 2 Mpíxeles monocromo e retro para efectos de retrato.
Este smartphone chegará ao mercado con ColorOS 7 baseado en Android 10, Bluetooth 5.1, NFC e auriculares, polo que podemos consideralo un teléfono bastante completo que posiblemente teña moi boa acollida se chega ás tendas a un prezo suficientemente axustado.

O Oppo Find X2 Lite ten unha pantalla OLED Full HD+ de 6,4 polgadas

ACTUALIZACIÓN: Distintas tendas en liña están a listar este novo smartphone a un prezo de 499 euros, o que pode non parecer moi económico, agás que o comparemos co seu irmán maior, o Oppo Find X2, que venderase a 999 euros a partir do mes que vén.

PUBLICIDADE