O Observatorio da Cultura constata o impacto da tecnoloxía nos hábitos de consumo cultural

martes, 7 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Observatorio da Cultura Galega (Consello da Cultura Galega) debulla os datos sobre os principais hábitos de consumo para ver a súa evolución nas últimas dúas décadas. Comezando pola música, “o dato máis salientábel é que a proporción de poboación en Galicia non asistira nunca ou case nunca a un concerto reduciuse a dous terzos”. Tamén houbo un incremento do 15,4 % no número de persoas que len, e a asistencia a bibliotecas mantense nuns valores semellantes (o 16,4 % da poboación acode polo menos unha vez ao ano), así como as exposicións (20,2 %), museos (19,5 %) e arquivos (4,9 %).
Os principais cambios nos nosos hábitos atópanse na asistencia ao teatro e no modo de consumo audiovisual. No primeiro, o informe conclúe que “hai unha clara redución na porcentaxe de persoas que non acoden nunca ao teatro, que pasa dun 73,8 % a un 43,4 %”. Con todo, o gran cambio está na asistencia ás salas de cinema, debido á falta de interese e de tempo e o excesivo prezo da entrada. Aínda que tamén descendeu o consumo de televisión e radio convencional (un 9,5 % e un 4,8 %, respectivamente) e a visualización de vídeos multiplicouse por catro.
O informe establece que o confinamento foi un momento clave que “incidiu de maneira importante na xestión do ocio no fogar”. Así, un 56,6 % da poboación leu polo menos un libro e un 3,1 % dos galegos e galegas subscribiuse por primeira vez a prensa dixital de pago. Destaca o incremento do consumo de audiovisuais, sobre todo de series e películas, que conseguiu que algúns galegos e galegas se desen de alta por vez primeira en plataformas dixitais.
As restricións tamén tiveron un certo efecto positivo nas visitas virtuais a equipamentos culturais como museos, exposicións ou galerías de arte. Ademais, unha pequena porcentaxe de poboación incrementou o seu acceso ás bibliotecas dixitais (3,4 %) e aumentou o consumo de concertos de música en liña (12,2 %).
No informe destácanse indicadores dun comportamento cultural que diferencia a Galicia de España: unha maior asistencia aos concertos de música en vivo, os fogares teñen unha media de 20,4 libros máis, e os índices de lectura de prensa e publicacións periódicas están dez puntos por riba da media.
Nas conclusións, o documento subliña dúas variábeis: o incremento xeneralizado do nivel educativo da sociedade e o condicionante familiar. “Aproximadamente un 62 % dos proxenitores que len e un 54,9 % dos que visitan museos, monumentos ou outros sitios de interese adoitan facelo cos seus fillos”, asegura o informe.

PUBLICIDADE