O Nokia Lumia 620 busca popularizar Windows Phone 8 cun prezo axustado

mércores, 5 de decembro do 2012 Marcus Fernández

O vicepresidente executivo de Deseño de Nokia, Marko Ahtisaari, fixo acto de presenza durante a celebración en París do encontro LeWeb, aproveitando a ocasión para dar a coñecer o novo terminal con Windows Phone 8 que incorporan ao seu catálogo, o Nokia Lumia 620.
Este novo terminal terían unha aparencia máis xuvenil, con carcasas intercambiables de cores rechamantes (verde lima, branco, amarelo, rosa, azul e gris escuro) e o prezo máis accesible de toda a familia Lumia con Windows Phone 8 (que nos EE.UU. sería de 249 dólares, mentres que en España custará 269 euros libre). Un dos detalles máis rechamantes deste móbil que porase á venda no primeiro trimestre de 2013 é a súa pantalla de 3,8 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, que é comparable á do Lumia 820, ou sexa, que ten un bo comportamento en exteriores.
Entrando en detalles máis técnicos estamos ante un smartphone con procesador Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N de dobre banda, Bluetooth 3.0, GPS, NFC, micro USB, conector para auriculares estándar e batería extraíble de 1.300 mAh, que permite unha autonomía de ata 14,6 horas en conversa (con 2G) e 330 horas en espera (con 3G). O terminal mide 115,4 x 61,1 x 11 milímetros e pesa 127 gramos, polo que sería máis compacto e lixeiro que os seus irmáns maiores.
Pese a que o Nokia Lumia 920 sexa o móbil máis reservado na historia de Nokia, parece que o Lumia 620 vai conseguir chegar a un público máis amplo, grazas a chegar como un dispositivo bastante completo e elegante que consegue manter un prezo contido.


Vídeo de presentación do Nokia Lumia 620


Intervención de Marko Ahtisaari na xornada de hoxe de LeWeb

PUBLICIDADE