O Nokia Asha 310 facilita o uso de varias tarxetas SIM

martes, 12 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Nokia presentou hoxe un novo smartphone destinado a mercados emerxentes, o Nokia Asha 310, que destaca por ser o primeiro móbil da compañía finlandesa en integrar dobre SIM e Wi-Fi. Aínda que no mercado hai moitos outros móbiles con dobre SIM, neste caso emprégase a tecnoloxía Easy Swap, que fai moi doado alternar entre varias tarxetas SIM para, por exemplo, empregar a liña persoal ou a profesional para efectuar unha chamada, situándose a SIM principal detrás da batería do móbil, pero quedando a secundaria accesible a través dunha rañura lateral que facilita o seu cambio sen ter que apagar o móbil. De feito, o móbil pode xestionar a configuración de ata 5 tarxetas SIM, podendo definirse a tarxeta que se empregará para a voz, para as mensaxes de texto ou para o acceso á Internet.
O Nokia Asha 310 tamén inclúe o navegador web Nokia Xpress, que recibe os contidos da web de xeito comprimido (o que pode reducir o uso de datos ata un 90% á vez que axiliza as descargas) e, ao contar tamén con Wi-Fi, alí onde gocemos de tal conectividade tamén poderemos optar pola mesma para aforrar consumo da nosa tarifa de datos móbil. Outra das prestacións destacables deste smartphone que, pese a non contar con GPS, si inclúe Nokia Maps, que permite a consulta de mapas tanto en liña como fóra de liña.
O Nokia Asha 310 é un smartphone con conectividade 2G/EDGE (cunha velocidade de descarga máxima de 236,8 Kbps), pantalla de 3 polgadas cunha resolución de 240 x 400 píxeles, 64 Mb de RAM, 128 Mb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámara de 2 Mpíxeles, Wi-Fi (IEEE 802.11b/g), Bluetooth 3.0, micro USB, batería de 1.110 mAh, 13 milímetros de grosor e un peso de 104 gramos. Inicialmente estará dispoñible en Asia, India, Oriente Próximo, África e Brasil a un prezo que podería estar preto dos 102 dólares (75,85 euros).

PUBLICIDADE