O Nokia 3310 poderase mercar a partires do vindeiro día 24

martes, 16 de maio do 2017 Marcus Fernández

No marco do Mobile World Congress de Barcelona presentouse ao mundo o novo Nokia 3310, un teléfono móbil afastado dos smartphones, que recuperaba o nome dun terminal considerado como todo un clásico, á vez que copia lixeiramente a súa estética, buscando así converterse no referente dentro do rango dos teléfonos básicos. Curiosamente o público prestoulle moita atención ao anuncio deste teléfono, pese a ter un prezo superior ao habitual neste rango de produtos (venderase a 49 euros, cando o normal sería entre 20 e 30 euros) e finalmente sábese cando estará dispoñible para o público español: o vindeiro día 24.
O Nokia 3310 é un teléfono cunha pantalla de 2,4 de cor e con certa curvatura (moi diferente agochada e protexida pantalla monocromo do teléfono orixinal), ten cámara de 2 Mpíxeles, radio FM e reprodutor de MP3 (pode cargarse a música mediante tarxetas de memoria de até 32 GB) e como conectividade de datos só teriamos GPRS (ou sexa, 2G) de xeito que poderiamos dicir que non serve para acceder á Rede nin a servizos como WhatsApp, o que para moitos supón un xeito de desenganchar manténdose localizable en caso de emerxencia, ao que tamén axuda que o teléfono prometa até 22 horas de autonomía en conversa e até un mes en espera.
Haberá quen o vexa como un terminal secundario axeitado, pero o seu deseño e o seu prezo parecen deixar claro que é un simple produto que pretende aproveitarse da nostalxia, de xeito que non debería de sorprender que moitas das súas compras correspondan simplemente a un capricho.

Vídeo promocional do Nokia 3310

PUBLICIDADE