O Nexus 4 rebaixa o seu prezo en 100 euros

mércores, 28 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O pasado mes de novembro chegaron a Europa os smartphones insignia de Google que revolucionaron o mercado, pois o Nexus 4 poñíase á venda con capacidades de almacenamento de 8 e 16 Gb por só 299 e 349 euros respectivamente, converténdose nos móbiles libres máis atractivos en función da súa relación calidade-prezo, á vez que se trata de terminais da familia Nexus, o que garante a recepción das novas versións de Android antes que a competencia e a pasada noite Google volveu a repetir a xogada, non estreando un novo Nexus (que posiblemente chegará en poucas semanas) senón rebaixando internacionalmente o móbil (a rebaixa aplícase a Australia, Canadá, Francia, Alemaña, España, Corea do Sur, EE.UU. e Reino Unido), de xeito que o Nexus 4 de 8 Gb pode adquirirse por 199 euros e o modelo de 16 Gb por 249 euros, deixando en moi mala situacións a outros smartphones á venda actualmente a prezos semellantes e con prestacións moi inferiores.
É de agardar que esteamos ante unha liquidación de cara á chegada dun novo Nexus 4 e, aínda que durante as últimas horas non parece haber problemas para completar pedidos do atractivo terminal, posiblemente desapareza cedo da web para deixar sitio a un novo Nexus 4 con especificacións actualizadas e, se atendemos aos rumores, tamén fabricado por LG.

Novo Nexus 7


O novo Nexus 7 presentouse hai un mes e chega hoxe a España

Outra importante novidade na tenda de dispositivos de Google Play é a chegada de unidades da versión de 2013 do tablet Nexus 7, que véndese por 229 e 269 euros con capacidades de 16 e 32 Gb respectivamente, e que presume de ser o tablet coa pantalla de 7 polgadas con máis densidade do mundo (a súa resolución é de 1.920 x 1.200 píxeles). Este dispositivo está fabricado por Asus, funciona cun procesador Qualcom Snapdragon S4 Pro de 4 núcleos e 2 Gb de RAM, o seu grosor é de só 8,65 milímetros, pesa 290 gramos, permite a carga sen fíos da súa batería de 3.950 mAh e conta tamén cun conector SlimPort que facilita a posibilidade de conectar o tablet a un televisor (para o que podemos empregar adaptadores como o fabricado por Kanex do que falamos a primeiros de mes).

PUBLICIDADE