O Neo smartpen N2 permítenos gardar os nosos apuntes no móbil

luns, 6 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Estes días está a ter moi boa acollida en Kickstarter o novo lapis dixitalizador Neo smartpen N2, que reflexa o que escribimos no papel nun dispositivo electrónico que funcione con iOS, Android ou Windows. Este accesorio mide 156,5 x 11,8 milímetros, pesa 24 gramos e inclúe unha memoria interna na que podemos almacenar até 1.000 páxinas para que, ao conectar logo o lapis ao noso dispositivo móbil, poidamos gardar toda esa información dixitalmente., permitindo incluso a sincronización con Evernote.
Temos así unha excelente solución para gardar os nosos apuntamentos, permitindo incluso que poidamos gravar voz no noso móbil durante a escritura, quedando a información sincronizada, o que resulta moi práctico para cando queiramos revisar algunha dúbida no texto recollido.
Mediante o motor MyScript tamén podemos recoñecer a escritura manuscrita para convertela en texto, mentres que os debuxos que realicemos poderemos transformalos en gráficos que logo poder editar en ferramentas como Photoshop ou Illustrator.
Para escribir debemos empregar cadernos específicos, pero un detalle moi significativo é que, se nos poñemos a completar unha páxina anterior, o sistema recoñecerao, e editará o arquivo almacenado anteriormente.
O Neo smartpen N2 pode conseguirse xunto cun caderno de notas por a partires de 112 dólares australianos (89,71 euros cos gastos de envío incluídos). Os cadernos de notas de tamaño A5 poden adquirirse por 9 dólares australianos (uns 6,26 euros).

JPEG - 55.1 KB
O Neo Smartpen N2 ten unhas dimensións e un deseño moi semellante ao dunha pluma ordinaria



Vídeo de presentación da campaña en Kickstarter do Neo smartpen N2

PUBLICIDADE