O Museo Gaiás achégase ás aulas a través de visitas por vídeo-conferencia

xoves, 29 de outubro do 2020 S. P.

O Museo Centro Gaiás quere acurtar as distancias cos colexios a través das novas ferramentas. Este xoves 29 presentou, de feito, un programa pioneiro na nosa terra para a realización de visitas didácticas por vídeo-conferencia. O obxectivo é achegar unha alternativa segura ás saídas escolares en tempos de pandemia.
“Queremos tirar proveito das tecnoloxías para permitir a docentes e alumnado afondar en contidos culturais de primeira orde”, explica o Museo. Grazas a esta iniciativa, máis de dous milleiros de estudantes da ESO, en 62 quendas, afondarán na exposición que acolle estes días o complexo expositivo da Cidade da Cultura: Galicia, de Nós a nós.
Fontes do museo recoñecen que o programa foi moi ben recibido pola comunidade educativa, esgotándose en poucos días as 24 quendas dispoñíbeis de aquí ao 15 de novembro, que “xa están todas asignadas”. O Museo Centro Gaiás vén de abrir novas datas e a partir deste venres os centros de ensino poden xa facer a súa reserva para a segunda xeira de visitas didácticas. Nela atenderanse outros 38 grupos entre o 17 de novembro e o 15 de xaneiro, esperando superar os 2.000 estudantes a través deste proxecto pioneiro.
De Nós a nós
Dirixidas a alumnado de ESO e Bacharelato, as visitas en liña á mostra Galicia, de Nós a nós permiten achegarse a distintas pezas e relatos que se abordan na exposición, co obxectivo de destacar a importancia da Xeración Nós na construción da identidade galega e a súa pegada na nosa lingua e cultura. Están conducidas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás, cos que alumnado e docentes poden interactuar en directo.
A visita emprega recursos audiovisuais adicionais que axudan a comprender mellor o contexto sociohistórico e sociolingüístico da Xeración e do Grupo Nós e a conectar os protagonistas da exposición coa actualidade e coa realidade da audiencia. De xeito complementario, a actividade proponse tamén pór en valor o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) nos procesos de aprendizaxe actuais.

PUBLICIDADE