O Motorola One Action permite gravar vídeo en horizontal suxeitando o móbil en vertical

venres, 16 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Poucas veces un smarpthone de gama media pode sorprender coas súas propostas orixinais, pero o concepto do Motorola One Action é un sopro de aire fresco, xa que estamos ante un teléfono que presume de estar orientado a servir como cámara de acción, para o que conta cunha cámara grande angular de 117 graos capaz de captar 4 veces máis imaxe que outros móbiles, o que permite, por exemplo, gravar vídeo horizontal aínda que suxeitemos o smartphone en vertical, o que facilita unha gravación máis estable.
A cámara principal do Motorola One Action ten un sensor de 12 Mpíxeles, unha apertura de f/1.8 e o apoio dun sensor de profundidade de 5 Mpíxeles, o que en combinación consegue unhas imaxes con bos desenfoques de fondo. Tamén apostan pola intelixencia artificial para a composición intelixente, a captura automática de sorrisos, a iluminación de retratos e a optimización de fotografías, podendo verse todos estes resultados na súa pantalla CinemaVision Full HD+ de 6,3 polgadas, que cunha relación de aspecto 21:9 lémbranos as proporcións do cine.
Este smartphone chega ao mercado este mesmo mes cun procesador Samsung Exynos 9609 de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC, lector de pegadas dixitais, radio FM, toma de auriculares, protección fronte á auga (IPX2) e batería de 3.500 mAh (que achega unha autonomía de até 11 horas de reprodución de vídeo) con carga de 10 watts por USB-C, de xeito que podemos consideralo un dos teléfonos máis completos no seu rango de prezos (parte dos 259 euros).
Outra das grandes vantaxes deste teléfono é que vén con Android One, de xeito que achega unha experiencia de Android moi pura e con actualizacións garantidas (recibirá un mínimo de 2 saltos de versión de Android e 3 anos de actualizacións mensuais de seguridade).

Vídeo promocional do Motorola One Action

PUBLICIDADE