O Monopoly chegará a dispositivos móbiles antes de rematar o ano

luns, 4 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Demostrando que certos xogos de mesa teñen ben merecido o adxectivo de clásicos, de cara ao Nadal (probablemente o 4 de decembro) chegará ás tendas de aplicacións unha versión para móbiles e tabletas do Monopoly, froito do traballo do estudio londiniense Marmalade Game Studio.
Os usuarios de Android poden rexistrarse para recibir un aviso cando o xogo estea dispoñible, mentres que da versión para iOS sabemos o que será o seu prezo oficial en Europa, 4,49 euros, co que buscan dicir adeus aos pagamentos entro da aplicación e á publicidade (modelo de negocio que antes era o normal nos xogos móbiles).
Este título permitirá gozar do xogo de mesa en solitario ou en familia, permite xogar coas regras caseiras máis habituais, conta cun modo rápido (para poder completar unha partida en menos dunha hora) e no seu modo multixogador destaca por permitir xogar tanto fóra de liña (compartido o dispositivo móbil en cada quenda) como a través da Internet para compartir a experiencia con persoas en calquera outra parte do mundo.
Temos aquí o que probablemente sexa un grande éxito, ao ofrecer un xogo familiar moi popular que podemos levar no peto, de xeito que non hai que cargar cunha voluminosa caixa para botar unha partida con amigos e familiares en case calquera lugar.

PUBLICIDADE