O Mobile World Congress pretende celebrarse en 2021 ofrecendo algúns dos seus elementos virtualmente

xoves, 30 de xullo do 2020 Marcus Fernández

O anuncio de que o CES de Las Vegas será totalmente dixital está a por nunha situación moi comprometida ás organizacións doutros eventos tecnolóxicos como o Mobile World Congress, que tras a cancelación da edición de 2020 comprometérase a compensacións económicas nas edicións futuras, o que sería imposible de ter unha edición virtual. Ante tal complicada situación dende GSMA están a apuntar que o Mobile World Congress 2021 será un encontro imprescindible, para o que están a traballar para conseguir organizar un evento seguro e unha experiencia inspiradora.
Está previsto que a cita de Barcelona bote a andar o 1 de marzo de 2021, aínda que no caso de que a situación sanitaria non o permita, desta volta terían preparada unha edición virtual dispoñible, seguindo os pasos do CES. Amais, tendo en conta as restricións a viaxar que poden ter algunhas empresas en función do país de orixe, buscarán solucións para facilitar que os participantes que non poidan acudir en persoa poidan gozar dalgúns dos elementos do MWC de xeito virtual, ou sexa, que é bastante probable que a feira aínda non volva a normalidade totalmente, senón que se desenvolva nun formato híbrido, como pretenden facer moitos outros eventos nos vindeiros meses como unha solución que permita manter certo nivel de participación que facilite a continuidade a longo prazo.

PUBLICIDADE