O Microsoft Edge basearase en código aberto

venres, 7 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Para librarse do lastre que supuña o navegador web Internet Explorer dende Microsoft pasaron a integrar o Microsoft Edge en Windows, unha proposta fresca e nova, que consegue un magnífico rendemento, pero que, ao chegar nun momento no que o Chrome ten dominado o mercado, non goza dunha grande compatibilidade con certas páxinas web que están deseñadas coa vista posta no navegador web de Google, polo que finalmente dende a compañía de Redmond danse por vencidos, e anuncian que van renovar o Microsoft Edge mudando o seu motor, que pasará a estar baseado no proxecto de código aberto Chromium, ou sexa, que empregará a mesma tecnoloxía que Chrome, mellorando así a súa compatibilidade.
Este cambio non só supón un cambio importante para Edge, senón que tamén suporá un pulo para Chromium, xa que Microsoft pasa a converterse nun grande contribuidor a este proxecto de código aberto, de xeito que o traballo que desenvolvan nos vindeiros anos beneficiará ao conxunto de navegadores web actuais.
A adopción de Chromium por parte de Microsoft contribuirá a evitar a fragmentación da web, tanto para escritorios informáticos como para dispositivos móbiles, e incluso podería servir para levar a Microsoft Edge a máis plataformas (como macOS) e mellorar o funcionamento do navegador web en equipos con procesadores ARM.
O Microsoft Edge baseado en Chromium estreará a súa versión preliminar a primeiros de 2019, cando comezará a probarse esta nova versión do navegador web antes da transformación radical da aplicación que distribúen con Windows e que poderá así conseguir unha mellor aceptación por parte do público.

PUBLICIDADE