O Mi Note 3 integra dobre cámara traseira de 12 Mpíxeles

luns, 11 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que o Mi MIX 2 parecía a estrela da xornada, ese smartphone é o que emprega Xiaomi para presumir de deseño, aínda que posiblemente confíen en que sexa máis relevante a nivel comercial outra das súas novidades, o Mi Note 3, un terminal que vai máis na liña das últimas tendencias, e que ten un prezo moito máis asumible.
O Mi Note 3 opta por un formato moi familiar, cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas e lector de pegadas frontal, cun corpo de cristal curvo de 4 caras e marco de aluminio que faría que non tivese nada que envexar a, por exemplo, un Samsung Galaxy S7, destacando por integrar unha dobre cámara traseira de 12 Mpíxeles (unha de grande angular e outra equivalente a 2 aumentos) con estabilización óptica de catro eixes e a posibilidade de disparar fotografías axustando a profundidade de campo (para crear retratos imitando a unha cámara réflex). Na cámara frontal optan por un sensor de 16 Mpíxeles con efectos de beleza.
Este novo teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, 6 GB de RAM, altofalantes estéreo, NFC multifunción e batería de 3.500 mAh con Quick Charge 3.0 por USB-C. O seu prezo será de 2.499 iuans (320 euros) para o modelo negro con 64 GB de almacenamento, de 2.899 iuans (372 euros) para o modelo negro con 128 GB de almacenamento e de 2.999 iuans (384 euros) para o modelo azul con 128 GB de almacenamento.

O modelo máis caro do Mi Note 3 será o de cor azul con 6 GB de RAM e 128 Gb de almacenamento

PUBLICIDADE