O Messenger súmase á moda das mensaxes efémeras

xoves, 9 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Pese á fría acollida que están a ter a Historias de Facebook e os novos Estados de WhatsApp, a compañía de Mark Zuckerberg continúa na súa teima polos contidos efémeros e presenta hoxe o Messenger Day (Día de Messenger), un funcionalidade do Messenger de Facebook a través da que convidan ao usuario a transmitir como lle foi o seu día mediante imaxes ou vídeos capturados coa cámara do Messenger, que ofrece a posibilidade de incorporar efectos, adhesivos e mensaxes ás capturas para convertelas en contidos atractivos para compartilos cos amigos, desaparecendo ás 24 horas.
Esta nova prestación comeza a implantarse globalmente hoxe na versión para iOS e Android do Messenger, aínda que pode tardar varios días en chegar a todo o mundo e o seu funcionamento é moi semellante ao das mensaxes efémeras no resto de plataformas móbiles de Facebook.
Para empregar Messenger Day temos que contar coa última versión do Messenger, abrir a aplicación e premer no botón da cámara para disparar fotografías ou gravar vídeo, aplicar os efectos que desexemos e premer logo na frecha que leva ao seguinte paso, no que poderemos elixir se a imaxe ou vídeo creado compartirase cun amigo, gardarase no carrete da cámara ou compartirase a través da nova funcionalidade (My Day).
Cando nunha conversa publiquemos unha imaxe ou texto que queriamos compartir, aparecerá unha ligazón baixo eses contidos convidándonos a incorporalos nos nosos días.
Aínda que esta nova funcionalidade está pensada para compartir os contidos con todos os amigos engadidos ao Messenger, tamén será posible axustar a privacidade, para compartir o que queiramos só cunha listaxe reducida de contactos ou con todos os contactos agás os que indiquemos.

PUBLICIDADE