O Messenger permite compartir a posición en tempo real

luns, 27 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Facebook anunciou hoxe un novo xeito de compartir a nosa posición cos nosos amigos a través do seu Messenger, de xeito que agora a aplicación non se limita a compartir a localización do usuario nun momento puntual, senón que agora será posible compartir a posición en tempo real durante certo tempo, para facilitar así a coordinación á hora de quedar con amigos e familiares, sendo posible compartir a posición tanto cun usuario particular como dentro dunha conversa en grupo.
Esta nova funcionalidade é sinxela e está a espallarse actualmente entre as aplicacións de Messenger para iOS e Android. Simplemente premendo na icona correspondente á posición GPS na conversa na que desexemos compartir a posición compartiremos a nosa localización en tempo real durante 60 minutos ou até que premamos no botón de deixar de compartir. Mentres se comparte a posición o sistema tamén presenta estimacións sobre o tempo estimado que tardarían as outras persoas en chegar en coche á posición de quen comparte a súa posición, facilitando así a planificación das nosas actividades en familia ou con amigos.
En calquera caso, os usuarios continuarán a poder compartir a súa posición xeográfica nun momento concreto, de xeito que o novo xeito de compartir a localización será completamente opcional, xa que en moitas ocasións resultaría ridículo empregar unha localización GPS intensiva (especialmente cando esa persoa non vai moverse durante a seguinte hora) xa que este tipo de funcionalidades teñen un importante impacto na autonomía dos smartphones.

PUBLICIDADE