O Marisquiño consegue nas redes máis de 8 millóns de impactos

mércores, 14 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A edición 2019 do festival O Marisquiño de Vigo vén de bater récords de participación. E non só a nivel presencial, senón tamén no plano tecnolóxico. Segundo se indica no balance do evento, a máis recente convocatoria do festival de cultura e deportes urbano (a XIX) foi visitada por 160.000 persoas e tivo un impacto económico de 20 millóns de euros (4 millóns máis có ano pasado), que non só repercutiu en Vigo, senón nos concellos limítrofes como Baiona ou Nigrán.
Respecto da edición anterior, a de 2018, os ditos datos supoñen un medre de 10.000 espectadores. No que se refire ao plano dixital, o festival desencadeou máis de oito millóns de impactos, o que deu un extra de impulso ao posicionamento de Vigo como cidade referente internacional no que se refire ao ámbito deportivo e da cultura. Este elevado número de impactos contabilizouse co número de aparicións do festival e a cidade de Vigo tanto nas redes onde o certame ten presenza de seu (Twitter, Facebook, Instagram e YouTube) como naquelas onde deixan pegada os deportistas, que compartiron múltiple información a través dos seus espazos web.
A organización lembra que boa parte do éxito dixital do acontecemento veu dado pola influencia nas redes de deportistas como Nicholi Rogatkin, Corey Martínez, Iván Monteiro ou Andrea Benítez, que contan con ducias de milleiros de seareiros nas redes que multiplican a difusión dos eventos nos que participan.
A vindeira semana lanzarase na web www.omarisquiño.com e nas redes sociais do festival o vídeo oficial desta edición. Coa publicación do vídeo darase por pechada esta convocatoria 2019 e comezarán os traballos para repetir e incrementar o éxito en 2020, cando se celebre o vixésimo aniversario do festival.

PUBLICIDADE