O MagSafe Duo precisa dun adaptador de corrente de portátil para funcionar a pleno rendemento

mércores, 18 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O lanzamento dos iPhone 12 chegou rodeado de moitas críticas ao redor dos seus cargadores, xa que Apple decidiu non incluír adaptador de corrente cos novos teléfonos, molestando así a moitos consumidores que non cren os argumentos ecoloxistas esgrimidos pola compañía da mazá, principalmente porque o cable de carga incluído co teléfono precisa dun adaptador de corrente con saída USB-C, o que actualmente é unha rara avis, de xeito que a meirande parte dos consumidores teñen que rematar adquirindo un adaptador de corrente por separado.
A isto súmase o feito de que os novos iPhone 12 estrean un sistema de carga por indución que incorpora un imán e que achega unha velocidade de carga de até 15 watts valéndose dun adaptador de corren te de 20 watts (dando a entender que o sistema de imáns facilita unha maior eficiencia na carga por indución), pero agora que parece inminente o lanzamento do MagSafe Duo, cargador por indución que pode cargar á vez un iPhone 12 e un Apple Watch, volven as críticas, xa que non conformes con que o prezo deste accesorio sexa de 149 euros (cando a compra por separado dun MagSafe de móbil e un de reloxo sumaría 80 euros), desvelouse que un dos cargadores básicos de Apple (de 20 watts cun prezo de 25 euros) non sería capaz de achegar carga dabondo para que o MagSafe Duo funcionase a pleno rendemento, precisando como mínimo un cargador de 30 watts (deseñado para os MacBook Air e cun prezo de 55 euros), de xeito que o prezo total do MagSafe Duo sería de 204 euros, prezo que parece esaxerado para o que sería unha sorte de cargador de viaxe (de feito, a propia Apple vende na súa tenda solucións de carga de terceiros con prezos de preto de 110 euros (que si inclúen o adaptador de corrente).

PUBLICIDADE