O MacBook Pro incorpora pantalla Retina

luns, 11 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do WWDC, Apple renovou os seus ordenadores portátiles, actualizando a potencia dos MacBook Air e revolucionando os MacBook Pro, que agora presentan un deseño moi delgado e unha pantalla Retina, marcando a diferenza con respecto aos seus competidores e atendendo a certa demanda dos desenvolvedores que demandaban pantallas de máis resolución tras o lanzamento do novo iPad con pantalla Retina.
Os novos MacBook Pro teñen unha pantalla de 15,4 polgadas cunha resolución de 2.880 x 1.800 píxeles, procesador Intel Core i7 de catro núcleos a 2,3 ou 2,6 GHz, 8 Gb de RAM (con opción de 16 Gb), 256/512 Gb de SSD (con opción de 768 Gb), gráfica HD Graphics 4000 de Intel e nVIDIA GeForce GT 650M con 1 Gb de memoria e cambio automático de procesador gráfico, cámara FaceTime HD 720p, 2 portos Thunderbolt, 2 portos USB 3.0, HDMI, lector de tarxetas SDXC, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, altofalantes estéreo, dobre micrófono (o que contribúe á redución de ruído), unhas medidas de 35,89 x 24,71 x 1,8 centímetros e un peso de 2,02 quilogramos. Tamén conta cunha batería que achega unha autonomía de ata 7 horas navegando pola web e, pese a incluír actualmente o sistema operativo OS X Lion, contará con actualización de balde a OS X Mountain Lion a partires do verán.
O prezo do novo MacBook Air con pantalla Retina parte dos 2.279 euros para o modelo a 2,3 GHz e de 2.899 euros para o modelo a 2,6 GHz.


Vídeo de presentación do novo MacBook Pro

PUBLICIDADE