O Mac mini renóvase con carcasa unibody de aluminio e saída HDMI

martes, 15 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Por sorpresa, Apple renovou o seu Mac mini, de xeito que este pequeno equipo toma unha carcasa unibody de aluminio e un tamaño máis compacto (3,6 x 19,7 x 19,7 centímetros) á vez que incorpora lector de tarxetas SD e saída HDMI, o que é unha nova especialmente importante para os que queren utilizar este equipo coma Media Center ou, simplemente para utilizalo co amplo número de monitores que utilizan este tipo de conexión sen ter que facer uso de adaptadores.
O Mac mini parte dun prezo de 779 euros, nos que incluiríase un procesador Intel Core 2 Duo a 2,4 GHz, 2 Gb de RAM, 320 Gb de disco duro, unidade SuperDrive de 8x, tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 320M e sistema operativo Snow Leopard, mentres que os usuarios corporativos poden optar por un modelo con procesador a 2,66 GHz, con 4 Gb de RAM (ampliables a 8 Gb), 500 Gb de disco duro a 7.200 rpm e Mac OS X Server Leopard por 1.129 euros.
Esta revisión do Mac mini non só cambia externamente, senón que tamén mellora considerablemente o seu rendemento gráfico, conta cunha nova fonte de alimentación integrada que elimina a necesidade dun adaptador de corrente externo e inclúe o paquete de aplicacións iLife, para facilitar a xestión de fotografías, a edición de imaxes e mesmo a creación musical.

PUBLICIDADE