O Mac mini actualízase con configuracións extraordinariamente esixentes

martes, 30 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Os usuarios de ordenadores de sobremesa de Apple que non gustaban dos iMac por mor de querer empregar unha pantalla diferente á integrada nos todo-en-un da compañía de Cupertino levaban 4 anos esperando pola renovación do Mac mini, equipo que por fin recibiu a actualización de rigor, que ao chegar tan tarde supón un incremento de potencia sen precedentes (funciona até 5 veces máis rápido que o modelo anterior).
Os novos Mac mini poden equiparse con procesadores de 4 ou 6 núcleos (dende un Intel Core i3 até un Intel Core i7), até 64 GB de RAM, almacenamento SSD de alta velocidade (entre 128 GB e 2 TB), 4 portos Thunderbolt 3 (compatibles con USB 3.1 e DisplayPort), saída HDMI 2.0, 2 portos USB 3, gráfica Intel UHD Grahics 630, Gigabit Ethernet (con opción de Ethernet a 10 Gbps), Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0... ou sexa, unha capacidade que deixa claro que o tamaño non é o que mide a capacidade deste impresionante ordenador que consegue ocupar só 19,7 x 19,7 x 3,6 centímetros e pesar 1,3 quilos.
Dado que a potencia non é mini, tampouco o é o seu prezo, e os Mac mini cun procesador Intel Core i3 de 4 núcleos, 8 GB de RAM e 128 GB de SSD custan 899 euros, mentres que o modelo cun procesador Intel Core i5 de 6 núcleos, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD chegaría até os 1.249 euros. A versión máis completa, cun procesador Intel Core i7 de 6 núcleos, 64 GB de RAM, 2 TB de SSD e 10 Gigabit Ethernet tería un prezo de 4.969 euros, deixando claro que en equipos como este as aparencias enganan.

Vídeo de presentación dos novos Mac mini

PUBLICIDADE