O MSI WindBOX converte un monitor nun ordenador completo

luns, 26 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Tras o seu éxito cos ultraportátiles de baixo custo, MSI anunciou que vai lanzar un equipo de prestacións e características semellantes, pero que prescinde de teclado e monitor, de xeito que sería idóneo para montalo tras unha pantalla TFT ocupando pouco espazo e sendo axeitado para certos usos corporativos ou mesmo para terminais de punto de venda.
O MSI WindBOX chegará ao mercado no primeiro trimestre do ano, e funciona cun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz, 1 Gb de memoria RAM, saída VGA, 3 portos USB 2.0, Ethernet, Wi-Fi, lector de tarxetas de memoria SD/MMC/Memory Stick e espazo para incorporarlle un disco duro SATA non incluído. Mide 180 x 255 x 19 mm e pesa 1,08 quilos, e tamén será bastante silencioso por integrar unha tecnoloxía de disipación de calor sen ventiladores.
Pese a que non se anunciou o seu prezo oficial, estímase a súa venda a uns 250 dólares (200 euros).

PUBLICIDADE