O Lenovo IdeaPad S10 álzase coma un dos ultraportátiles de baixo custo máis completos

martes, 5 de agosto do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 46.9 KB

O último fabricante en lanzar o seu propio ultraportátil de baixo custo non é outro que Lenovo (responsable da produción da liña de informática de consumo de IBM) co seu IdeaPad S10, que presenta unha aparencia un tanto distinta a do resto de equipos deste tipo (cunha cuberta exterior vermella e un interior branco) e non parece quedar coxo en prestacións, pois presenta unha pantalla de 10,2 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles e retroiluminación LED, un procesador Intel Atom a 1,6 GHz, Wi-Fi, Bluetooth, lector de tarxetas de memoria 4-en-1, 2 portos USB, webcam de 1,3 Mpíxeles, saída de VGA e ExpressCard para amplicación.
Se venderá en distintas configuracións, de xeito que o modelo básico con 512 Mb de RAM e 80 Gb de disco duro custaría 300 dólares (uns 192 euros) e o modelo con 1 Gb de RAM e 160 Gb de disco duro se vendería por 450 dólares (uns 289 euros).
Estes novos ultraportátiles miden 249 x 183 x 28 milímetros e pesa entre 1,1 e 1,2 quilos, podendo adquirirse co sistema operativo Linpus ou Windows, con batería de 3 ou 6 celas e, aparte da mencionada versión en vermello, tamén en negro ou branco.
O lanzamento deste equipo no mercado chinés será para o 5 de setembro, chegando a finais do mesmo mes tamén aos EE.UU., descoñecéndose polo momento os plans de comercialización en Europa, aínda que podería que aquí tamén chegase un modelo cunha pantalla de 9 polgadas.

PUBLICIDADE