O LG Wing presentarase a semana que vén

luns, 7 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Nas últimas semanas filtrouse un concepto de smartphone que estaría a preparar LG e que levaría como nome LG Wing, e que finalmente confirmou a compañía surcoreana que presentarase oficialmente o 14 de setembro nun evento que poderá seguirse a través de YouTube e Facebook.
O LG Wing sería o primeiro produto lanzado baixo o Explorer Project, unha iniciativa que busca descubrir novos xeitos de interactuar cos dispositivos móbiles, desafiando as normas establecidas. Como mostra desta revolución, o LG Wing sería un smartphone con dúas pantallas superpostas, das que a pantalla principal podería rotarse, por exemplo, para reproducir contidos multimedia, mentres queda dispoñible parte da outra pantalla para amosar información adicional ou facilitar a interacción do usuario sen interferir na pantalla principal. Estariamos ante un concepto alternativo ao dos teléfonos con pantallas encartables, que a priori non tería moito sentido, polo que haberá que agardar para ver este trebello en activo para comprobar se será unha simple anécdota ou abrirá unha nova categoría de produto.
Coméntase que o LG Wing contará con cámara tripla de 64 Mpíxeles, terá conectividade 5G e un procesador Snapdragon da serie 7 (que probablemente sería o Snapdragon 765G, presente en moitos smartphones de gama media actuais).

Vídeo co que anticipan a presentación do LG Wing

PUBLICIDADE