O LG Watch W7 combina reloxo mecánico con smartwatch

xoves, 4 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Acompañando á presentación do LG V40 ThinQ o fabricante surcoreano sorprendeu amosando tamén un novo smartwatch, o LG Watch W7, que destacaría por ser un dispositivo híbrido, xa que estariamos ante un reloxo de pulso con Wear OS para as súas funcións dixitais que conservaría as agullas dun reloxo mecánico, buscando así callar entre o público que continúa a apreciar a aparencia dos reloxos de pulso tradicionais.
O LG Watch W7 sería así un reloxo de pulso cunha caixa de aceiro inoxidable, que agocha un smartwatch no seu interior cunha autonomía de até dous días, pero que ao desactivar as funcionalidades smart continuaría a funcionar até máis de 3 meses.
Aparte de poder amosar a hora, o reloxo tamén conta con altímetro, barómetro, cronómetro e compás; tira proveito das posibilidades de Wear OS (con múltiples esferas e complicacións) e tamén cómpre destacar que é compatible con correas estándar de 22 milímetros.
Este reloxo resistente ao po e á auga (IP68) integra un procesador Qualcomm Snapdragon Wear 2100, pantalla de 1,2 polgadas cunha resolución de 360 x 360 píxeles, 768 MB de LPDDR3, 4 GB de eMMC, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, USB-C e batería de 240 mAh.

O LG Watch W7 busca ser o smartwatch dos que gustan dos reloxos tradicionais

PUBLICIDADE