O LG Watch Urbane contará cunha versión 4G

xoves, 26 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

A poucos días de presentar o novo smartwatch de LG, e a portas do Mobile World Congress de Barcelona, a compañía surcoreana estrea unha segunda versión do LG Watch Urbane, que contará cun deseño un chisco diferente, conectividade LTE e un sistema operativo que non será nin Android Wear nin webOS, o que dá a entender que LG preferiu desenvolver a súa propia solución de software para reloxos en vista da situación actual do mercado.
O novo smartwatch non precisará de smartphone para conectarse á rede, pero incluso integrará VoLTE, ou sexa, que permitiría realizar chamadas sen un teléfono e incluso contaría cunha funcionalidade de marcado rápido (de emerxencia) para poder lanzar unha chamada con só premer un botón.
O LG Watch Urbane LTE terá unha batería de 700 mAh (en contraste coa de 410 mAh do LG G Watch R), conta con NFC e incluso integra funcións de moedeiro electrónico. Non lle faltan xiroscopio, sensor de presión atmosférica, pulsímetro e GPS, e incluso pode analizar o swing cando se practica golf.

O LG Watch Urbane LTE goza dun deseño elegante que case o confunde cun reloxo de pulso tradicional

PUBLICIDADE