O LG V30 terá cámara con apertura f/1.6

xoves, 10 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Ao igual que Samsung xoga a ter dúas gamas de móbiles insignia cada ano (os Galaxy S e os Galaxy Note), dende LG están a facer algo semellante, e mentres os LG G6 está no mercado están a preparar o lanzamento do LG V30, smartphone moi prometedor que, aínda que non é dunha serie moi coñecida (principalmente porque a súa distribución non é masiva) vai ser realmente un produto innovador se atendemos aos detalles que van adiantando dende a compañía surcoreana.
A semana pasada LG avanzaba que o LG V30 sería o primeiro dispositivo en contar cunha pantalla plástica OLED FullVision, ou sexa, que continuaría na senda redutora de marcos ao redor da pantalla á vez que ofrecería unha resolución impresionante (1.440 x 2.880 píxeles), unhas cores moi fieis e incluso soporte de HDR10, gozando das vantaxes da tecnoloxía P-OLED, como son unhas pantallas máis resistentes e cun consumo moi reducido.
Pero o último anuncio de LG parece que terá un impacto maior no público, xa que agora anuncian que o LG V30 vai contar cunha cámara dual con obxectivo de vidro cunha apertura f/1.6, o que sería a maior apertura dispoñible nunha cámara dun smartphone (os móbiles de alta gama con maior apertura actualmente limítanse a f/1.7), facilitando unha maior entrada de luz no sensor, o que xunto ao feito de contar cun obxectivo Crystal Clear (moi superior aos obxectivos de plástico habituais nos móbiles) consegue unha mellor reprodución das cores tanto en fotografías como en vídeos.
LG promete que estas melloras na cámara non afectarán ao grosor do smartphone, e queda agora ver cal é o desempeño da cámara do LG V30, que sobre o papel sería unha das mellores que teremos nun móbil durante 2017.

PUBLICIDADE