O LG Q8 presume de elevadas prestacións, pantalla secundaria e resistencia á auga

xoves, 20 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O LG V20 foi un dos móbiles que mellor combinou un deseño elegante e unhas grandes prestacións durante o ano pasado, converténdose no smartphone máis atractivo co catálogo de LG, pero agora as súas vantaxe van poder chegar a un público máis amplo, xa que o novo LG Q8 está claramente inspirado no V20, pero chegará cunha pantalla máis pequena (5,2 polgadas en vez de 5,7, pero mantendo unha impresionante resolución de 2.560 x 1.440 píxeles), conservando a pantalla secundaria de 160 x 1.040 píxeles (na que podemos ver as aplicacións máis recentes, atallos á configuración e outras funcións, e pese a estarmos ante un dispositivo de gama media, mellora á súa fonte de inspiración ao incorporar resistencia á auga e ao po (IP67).
O LG Q8 é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), cámara traseira dual (cun sensor de 12 Mpíxeles cunha lente de 28 milímetros e apertura f/1.8 e outro sensor de 8 Mpíxeles con lente de 10 milímetros e apertura f/2.4), cámara frontal de 5 Mpíxeles de grande angular e apertura f/1.9, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, USB-C, batería de 3.000 mAh, Android 7.0, un grosor de 8 milímetros e un peso de 146 gramos.
Ao igual que o LG V20, o LG Q8 é un smartphone moi orientado á gravación de vídeo e a unha reprodución sonora (conta cun Quad DAC de alta fidelidade), incorporando funcións como Steady Record 2.0 (un sistema de estabilización de vídeo que reduce as vibracións durante as gravacións) e axustes manuais durante a gravación de vídeo (que van dende o control do balance de brancos até o control da exposición e permitindo incluso tanto enfoque manual como automático). Unhas prestacións moi atractivas que nos deixan coas ganas de saber se este smartphone sairá á venda fóra de Italia (país no que aparece na páxina web de LG).

O LG Q8 ten certificación IP67

PUBLICIDADE