O LG Optimus 3D achega as 3D aos móbiles con Android

luns, 14 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Durante o Mobile World Congress de Barcelona presentouse en sociedade o móbil LG Optimus 3D, que presume de ter varios dos seus elementos por partida dobre, de xeito que conta cun procesador TI OMAP 4 de dobre núcleo a 1 GHz, unha cámara dobre (para facer fotografías a 5 Mpíxeles e gravar vídeo en 3D a 720p e en 2D a 1.080p) e unha pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles que tamén permite amosar imaxes estereoscópicas sen o uso de lentes.
Este terminal funciona con Android 2.2 (actualizable a versións superiores máis adiante), conta cun procesador gráfico PowerVR SGX 540, Wi-Fi, GPS, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD e a posibilidade de conectalo a un televisor mediante unha conexión HDMI.
Estamos ante un dispositivo que vai resultar especialmente rechamante polo seu uso das 3D, como a Nintendo 3DS, pero ofrecendo unha maior calidade de imaxe e a posibilidade de gravar vídeo, polo que podería ser o primeiro dispositivo de moitos que botasen por este camiño para gañarse o favor do público e asombrar ao levar a experiencia 3D á palma da man.


Vídeo do LG Optimus 3D coma dispositivo que revoluciona a videoconferencia co uso das imaxes estereoscópicas

O LG Optimus 3D incorpora 2 cámaras para poder tomar imaxes e vídeos estereoscópicos

PUBLICIDADE