O LG Gram terá versión con pantalla táctil

mércores, 12 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Dende hai varios anos LG leva ao CES de Las Vegas a súa nova xeración de ultraportátiles LG Gram, que destacan por ser delgados, lixeiros e con grandísima autonomía, consolidándose como todo un referente do mercado; pero este ano atrévense a dar un paso máis, e evolucionan a serie ofrecéndoa en dous camiños diferentes, de xeito que teremos un tradicional LG Gram de 17 polgadas e un LG Gram 2-en-1 con pantalla de 14 polgadas.
O LG Gram 17 consegue introducir unha pantalla de 17 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles nun corpo propio dos equipos con pantalla de 15,6 polgadas, e pese ao seu tamaño, consegue conter o seu peso en 1.340 gramos, polo que sería o portátil con pantalla de 17 polgadas máis lixeiro do mercado que, ademais, presume dunha autonomía de até 19,5 horas.
Este equipo conta igualmente cun procesador Intel Core de nova xeración con até 16 GB de memoria DDR4, 256 GB de SSD e un espazo para poder incorporar unha unidade SSD adicional en formato M.2 (no caso de precisar maior capacidade de almacenamento).
No caso do LG Gram 2-en-1, temos unha pantalla IPS táctil de 14 polgadas que pode xirarse 360 graos, ou sexa, un equipo convertible, que busca funcionar como ordenador portátil tradicional, pero que pode transformarse nunha ferramenta de creatividade, especialmente se tirarmos proveito do lapis Wacom con 4.096 niveis de precisión e detección de inclinación, de xeito que consegue unha experiencia de debuxo natural e precisa.
Este equipo tamén ten unha elevada autonomía, que pode chegar até as 21 horas, que xunto co seu peso de 1.145 gramos convérteo nun produto altamente portátil.
Ambos equipos teñen teclado retroiluminado, USB 3.1 tipo C, saída HDMI e lector de pegadas dixitais.

Os equipos LG Gram presumen de portabilidade polo seu peso reducido e elevada autonomía

PUBLICIDADE