O LG G6 terá versión Plus

luns, 19 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A finais de febreiro presentouse o LG G6 como un magnífico smartphone con pantalla de 5,7 polgadas cunha proporción 2:1 e HDR e unha innovadora cámara traseira, que conseguiu manter a dignidade tras o lanzamento dos Galaxy S8 e S8 Plus, pero o fabricante surcoreano considerou atinado preparar unha versión con esteroides, para atender as demandas de usuarios máis esixentes, e así anuncian unha versión Plus do LG G6 que melloraría a seguridade, reduciría o consumo e ofrecería maiores capacidade de memoria.
O novo LG G6+ iniciará a súa comercialización en xullo, e entre as súas novidades temos Face Print (nova opción de desbloqueo que busca ser máis cómodo que o recoñecemento facial actual, xa que desta volta non precisa de pulsar ningún botón para o desbloqueo, que realizaríase con só colocar o teléfono diante da cara do usuario), Low Power Consumption (sistema de baixo consumo integrando na arquitectura Qualcomm Haxagon DSP) e Covered Lens (que alerta cando detecta que un dedo do usuario pode coarse no disparo dunha fotografía).
Aparte do software, o LG G6+ tamén chega en dúas novas cores (azul mariño óptico e dourado terra óptico) e, aínda que manteña o mesmo procesador que o LG G6, si destaca ampliando a 6 GB a RAM e a 128 GB o seu almacenamento interno. Para tirar proveito do seu excelente son (conta cun Quad DAC Hi-Fi de 32 bits) incluirá uns auriculares B&O PLAY e nalgún mercado incluirá tamén un cargador sen fíos.

PUBLICIDADE