O LG G5 tería unha pantalla sempre acesa

mércores, 10 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro 21 de febreiro, de cara ao Mobile World Congress de Barcelona, LG ten previsto presentar o seu novo smartphone insignia, o LG G5, e para ir abrindo boca publicou unha imaxe animada nas redes sociais na que anticipa o que podería ser unha das funcionalidades estrela do novo móbil: Always ON. Esta funcionalidade parecer ser unha evolución da vista rápida, prestación que teñen moitos terminais actualmente, e que consiste en amosar información básica como a hora e as últimas notificacións durante uns segundos cando se detecta que, por exemplo, sacamos o móbil do peto, pero enténdese que desta volta estamos nun caso diferente, xa que o LG G5 mantería tal pantalla sempre activa e sen limitarse a unha pequena pantalla secundaria como fai o LG V10.
Enténdese que o Always ON do LG G5 funcionará a pantalla completa, polo que podería ter opcións de personalización, e posiblemente consigan que o seu impacto na batería sexa moi reducido empregando unha pantalla AMOLED avanzada, o que semella todo un reto, xa que actualmente os móbiles que fan algo semellante tenden a acender só unha pequena rexión da pantalla (coincidindo cunha fiestra na súa funda).
Haberá que agardar uns días para coñecer realmente o funcionamento desta tecnoloxía, para ver se é incentivo dabondo como para que o LG G5 poida captar a atención do público.

PUBLICIDADE