O LG G4 comezará a actualizarse a Android 6.0 a vindeira semana

xoves, 15 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O ano pasado LG sorprendeu estreando Android 5.0 nos seus LG G3 incluso antes de que Lollipop chegase a algúns produtos da familia Nexus, e dado que a semana pasada comezou a distribución de Android 6.0 para os smartphones Nexus, a compañía surcoreana non quixo ser menos, e anunciou que o LG G4 comezará a recibir a actualización a Marshmallow a semana que vén, comezando polos usuarios de Polonia.
A actualización achegará un sistema de administración de permisos que achega un control máis transparente para o usuario; o modo de silencio do móbil bloqueará son e vibración; o modo Non Molestar bloqueará todos os sons ou só alarmas e notificacións; e espérase unha mellora na autonomía dos terminais grazas a un novo modo que pecha aos procesos en segundo plano de certas aplicacións que non están en uso (reducindo o consumo).
A chegada de Android 6.0 aos smartphones de LG irase anunciando de xeito individual para os distintos mercados, onde se detallará os terminais que recibirán esta agardada actualización (esperándose que incluso a reciban algúns modelos que quedaran no seu día sen Lollipop).

PUBLICIDADE